Rafa Lisboa
Talentoso base portugués, recoñecido pola súa capacidade de xogo e visión na cancha, únese ao COB para fortalecer o equipo e elevar o nivel competitivo do club.
Rafa Lisboa, de 24 anos e fillo do xogador e adestrador Carlos Lisboa, chega ao COB despois de demostrar a súa valía no Alega Cantabria tras mediar 8 puntos, 1.8 rebotes e 2.4 asistencias en 21.8 minutos de xogo. Co seu 1,84 metros de altura, Rafa destaca pola súa habilidade para dirixir o xogo e pola súa excelente xestión do balón. A súa chegada a Ourense é vista como un gran paso cara á consecución dos obxectivos do equipo na próxima tempada.
“Estamos moi contentos de que se una a nós, a nivel humano é excelente e vainos a axudar a construír un equipo competitivo e con moita personalidade”, di Moncho sobre a nova fichaxe do equipo. “É un base que se complementa moi ben con Javi López, chegando a poder xogar os dous xuntos. Conta con moita experiencia competitiva a pesar da súa xuventude, habituado a xogar finais e torneos importantes en Portugal con moita responsabilidade tanto na dirección coma na anotación. É capaz de adaptarse aos momentos e ritmos do partido, con forte personalidade para os momentos decisivos do encontro. Tamén quero destacar a súa fortaleza física e intensidade defensiva e estou seguro que dará un gran nivel este ano no equipo”, remata o adestrador cobista.