O Club Ourense Baloncesto debuta con vitoria ante Odilo Cartagena
O Club Ourense Baloncesto conseguiu unha contundente vitoria ante Odilo Cartagena por 101-78 na primeira xornada da Primeira FEB disputada no Pazo dos Deportes Paco Paz.
Comezaba o encontro cun ritmo altísimo e os de Moncho López, moi intensos en defensa e máis acertados en ataque, conseguían marcharse no marcador cun gran xogo colectivo onde ata 6 xogadores sumaron puntos. Odilo Cartagena non conseguía sumar puntos en ataque e o COB remataba o cuarto 9 arriba cun 21-12 no marcador.
Non baixaba o ritmo o conxunto ourensan ao comezar o segundo cuarto e conseguía aumentar a distancia, o que obligaba a Jordi Juste a parar o partido para tratar de reconducir a situación. O Odilo Cartagena parecía que reaccionaba e acurtaba distancias, e agora era Moncho López o que paraba o partido para cortar a reacción visitante. Tras o parón o COB volveu a impoñer o seu ritmo e volveuse a escapar no marcador cun triple sobre a bocina de Rafa Lisboa que puña o 46-26 no luminoso.
Tras o paso polos vestiarios non cambiou o guión e o Club Ourense Baloncesto cunha gran actividade defensiva e sen relaxarse, seguía aumentando a vantaxe para irse aos 10 minutos final cun marcador de 70-45.
No último cuarto baixou a intensidade do encontro a nivel defensivo e ambos equipos conseguían encestar con máis facilidade e así o demostra o 31-28 parcial neste cuarto. Os de Moncho xestionaron a vantaxe conseguida nos anteriores cuartos para conseguir unha máis que merecida victoria, 101-78, ante un Pazo volcado cos seus.
Podes ver as declaracións de Moncho López a continuación.
Fotos: Darío Eyré e Arturo Jiménez