A Xunta de Accionistas celebrada onte foi todo un éxito
O Aircargobooking Ourense deu a coñecer na última Xunta de Accionistas, que tivo lugar onte, os importantes avances que está a lograr no ámbito económico e deportivo. Durante a reunión, aprobáronse por unanimidade –salvo unha abstención– os puntos da orde do día, destacando a redución significativa da débeda, o incremento do orzamento e un salto notable nos ingresos procedentes de patrocinadores privados.
Entre os datos máis salientables, confirmouse o crecemento do club en termos de orzamento e masa social, así como a presenza dun novo patrocinador principal, Air Cargo Booking, que contribuirá a reforzar a estabilidade financeira do proxecto.
Os obxectivos para esta tempada inclúen alcanzar os 1.500 socios de pago, xa acadado no primeiro cuarto da tempada, incrementar os ingresos por publicidade , un feito evidente coa mellora na visibilidade das marcas no pavillón, e seguir traballando para atopar ese importante equilibrio entre o económico e o deportivo.
No eido deportivo, o COB mantén a ambición de consolidarse como un dos equipos candidatos a loitar polos playoff de ascenso á Liga ACB. Este conxunto de medidas e obxectivos reflicte a aposta por un proxecto sólido que combina crecemento económico e aspiracións deportivas de alto nivel.
Con estas accións, o Aircargobooking Ourense reafirma o seu compromiso de seguir medrando e converténdose nun referente tanto dentro como fóra da cancha.