O Aircargobooking Ourense consegue a décima vitoria tras un traballado encontro
O Aircargobooking Ourense acadou unha importante vitoria a domicilio ante o UEMC Real Valladolid Baloncesto, cun marcador final de 87-91, na xornada 15 da Primeira FEB.
Comezaba o primeiro cuarto e ambos equipos xogaban cun ritmo alto, intentando dominar as facetas do xogo, e Aanen Moody que monopolizaba todas as accións en ataque do conxunto cobista, tanto, que 19 dos 30 puntos neste parcial foron del. Mais o conxunto local nunca lle perdeu a cara o partido e, sumando dende a liña de tres, respondía ao recital ofensivo do Aircargobooking Ourense, para tan só irse 6 abaixo ao final dos primeiros 10 minutos cun marcador de 24-30.
Tralo parón o UEMC Real Valladolid Baloncesto reaccionou, e tras aumentar a intensidade defensiva, consegue remontar un encontro no que o Aircargobooking botaba de menos a inspiración de Moody e non se encontraba nada cómodo en ataque. Ambos equipos diríxense aos vestiarios cun 50-48 e todo por decidir.
Tralo descanso, o conxunto cobista segue con problemas ofensivos ante a intensidade local e non se sinte nada cómodo. Tanto é así que o equipo pucelano consegue marchar no marcador ata os 7 puntos de vantaxe, momento no que Moncho López ten que deter o encontro para reorganizar aos seus. Coa pausa, o Aircargobooking Ourense reacciona e é quen de achegarse no marcador e afrontar os dez minutos finais tan só tres puntos abaixo, 68-65.
O último cuarto seguiu o guión de todo o partido. Ambos equipos non conseguían abrir vantaxes definitivas e a precipitación, ás veces, tiñan a culpa diso. No último minuto unha tripla de Javi López puña un +4 no marcador que obrigaba a Lolo Encinas a deter o xogo. Con pouco por diante e co encontro de cara, un 2+1 e unha pérdida con posterior canastra de Valladolid, devolvíalle a vantaxe a falta de 50 segundos por 87 a 86. Agora o tempo morto chegaba dende o bando visitante para trenzar unha xogada que lle dese volta á situación. E Diogo Brito, unha vez máis, apareceu para encestar unha bandexa estratosférica e sacar a falta persoal, anotando o tiro libre, que deixaba ao Aircargobooking Ourense 87-89 e 27 segundos. Novo tempo morto local para buscar unha canastra gañadora. Pero a boa defensa do conxunto de Moncho López non permitía anotar aos pucelanos que, tralo rebote, cometían falta sobre Javi López que non marraba os tiros libres. O equipo consigue así a décima vitoria da tempada cunha moi boa racha non só de resultados senón tamén de xogo.
O próximo partido será o día 11 de xaneiro ante Flexicar Fuenlabrada no Paco Paz.