Unai Mendikote elixido MVP Estrella Galicia do mes de xaneiro

A nosa afección volveu recoñecer o destacado rendemento de Unai Mendikote, outorgándolle o título de MVP Estrella Galicia do mes de xaneiro.
Este recoñecemento, que xa obtivera en decembro, subliña a súa constancia e impacto no xogo do Aircargobooking Ourense. Ao longo do mes de xaneiro, Unai foi unha peza fundamental para Moncho López. Na tempada actual, promedia 7,9 puntos, 5 rebotes, 1 asistencia e 1,3 balóns recuperados por encontro, cunha media de 22 minutos en pista e 13 de valoración.
Ao recibir o galardón, Unai expresou: "Quero agradecer aos seareiros polo seu apoio constante durante toda a tempada e polo agarimo que me amosan en cada partido. Este recoñecemento dálle aínda máis sentido ao noso esforzo colectivo e motívame a seguir traballando para acadar os obxectivos que nos marcamos".
Parabéns, Unai, por este segundo MVP Estrella Galicia consecutivo. Seguiremos a disfrutar de todo o teu traballo.