O Aircargobooking Ourense planta cara pero cae ante o Movistar Estudiantes

O Aircargobooking Ourense realizou unha gran actuación no Paco Paz, pero non foi suficiente para superar ao Movistar Estudiantes nun encontro moi disputado que se resolveu nos últimos minutos. A entrega e o traballo colectivo dos de Moncho López puxeron contra as cordas a un dos favoritos da categoría, pero finalmente os madrileños levaron a vitoria por 73-79.
O partido comezou cun primeiro cuarto de contrastes. O Estudiantes entrou mellor no encontro, dominando os primeiros minutos e acadando unha vantaxe de 10 puntos. Con todo, o conxunto ourensán reaccionou con carácter e, apoiado polo seu público, conseguiu reducir a diferenza ata o 21-23 ao final do período.
No segundo cuarto, o Aircargobooking Ourense deu un paso adiante en defensa, secando por completo o ataque visitante, que só puido anotar 13 puntos. A intensidade defensiva e o control do ritmo permitiron aos locais darlle a volta ao marcador e marchar ao descanso cunha lixeira vantaxe (38-36).
Tralo paso polos vestiarios, o Movistar Estudiantes subiu a súa agresividade defensiva, complicando os ataques do equipo ourensán e forzando perdas de balón. Este cambio de guion permitiulles recuperar a iniciativa e encarar o último cuarto con dous puntos de vantaxe (58-60).
Nos dez minutos finais, a igualdade mantívose ata os instantes decisivos. Un intento de tripla dos locais que podía poñer o marcador a só dous puntos foi respondido cun acerto exterior dos visitantes, que ampliaron a renda ata os oito puntos, deixando o partido practicamente sentenciado. O Estudiantes controlou os minutos finais e acabou levando a vitoria por 73-79.
O Aircargobooking Ourense volve agora ao traballo para preparar o seu próximo compromiso, que terá lugar o martes ante o CB Morón.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación.