A liña de tiros libres decide un derbi igualado

O Aircargobooking Ourense estivo a piques de levar un derbi intenso e disputado ante o Monbus Obradoiro, pero pequenos detalles inclinaron a balanza do lado visitante (77-85). O equipo deu a cara en todo momento, pelexando cada balón e demostrando o carácter que nos define, pero non foi suficiente para tumbar os santiagueses.
O primeiro cuarto estivo marcado pola igualdade, cun Aircargobooking Ourense moi concentrado e disposto a marcar o ritmo do partido. Cunha gran intensidade defensiva e as ideas claras en ataque, os de Moncho López conseguían as primeiras vantaxes. Porén, o Obradoiro, cun final de cuarto máis acertado, achegábase no marcador para rematar o período con 19-17.
No segundo cuarto mantívose a dinámica do primeiro. O Monbus Obradoiro conseguía anotar con maior fluidez, mentres que ao Aircargobooking Ourense atragantábaselle a defensa visitante, pero o partido continuaba moi igualado. Ao final, catro tiros libres fallados polos locais e unha canastra sobre a bucina do Obradoiro deixaban o marcador en 29-36 ao descanso.
Tralo paso polos vestiarios, o equipo reaccionou con enerxía e logrou recortar diferenzas grazas a unha gran actuación ofensiva no terceiro cuarto. Moody, desatado, liderou a remontada, conseguindo que os ourensáns se puxesen por diante durante algúns minutos. Porén, non foi suficiente para deter a ofensiva obradoirista e, a pesar de recurtar distancias, os de Félix Alonso comezaban o último cuarto con tres puntos de vantaxe (56-59), deixando todo aberto.
No tramo final, a loita foi máxima. Cun Pazo Paz volcado, o equipo loitou ata o final para achegarse no marcador e tentar darlle a volta, pero a gran diferenza de tiros libres (20 para os locais fronte a 35 para os visitantes) foi clave para que a vitoria se decantase para o bando obradoirista (77-85).
A pesar da derrota, queremos destacar e agradecer o apoio incondicional da nosa afección. O ambiente no Paco Paz foi espectacular, empurrando ao equipo en todo momento e demostrando, unha vez máis, que xuntos somos máis fortes. Seguiremos traballando para que a vitoria chegue canto antes.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación.