O Aircargobooking Ourense quere volver á senda da vitoria ante Flexicar Fuenlabrada

O Aircargobooking Ourense desprázase esta fin de semana ata Madrid para enfrontarse ao Flexicar Fuenlabrada, nun encontro correspondente á xornada 28 que se disputará mañá domingo ás 12:30 horas no pavillón Fernando Martín.
O conxunto ourensán chega ao duelo co obxectivo de romper a mala dinámica de resultados, non así de xogo, mostrada nas últimas semanas e voltar a sumar para consolidarse na táboa clasificatoria. Logo dunha semana de traballo intenso e con boas sensacións no vestiario, os de Ourense afrontan con ambición e respecto un reto esixente ante un rival sempre complicado na súa pista.
O Flexicar Fuenlabrada, pola súa banda, quere facerse forte como local tras a última derrota en casa ante Alimerka Oviedo, polo que se agarda un partido de alta intensidade e moita igualdade dende o salto inicial.
O adestrador do Aircargobooking Ourense, Moncho López, sinalou na previa que "estamos preparados para competir e sabemos que teremos que dar o noso máximo nivel tanto física como mentalmente. Fuenlabrada é un equipo con talento e experiencia, pero confiamos no noso traballo e na nosa identidade".
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación