O Aircargobooking Ourense consigue unha vitoria vital que permite seguir soñando

O Aircargobooking Ourense sumou unha vitoria importante esta noite no Paco Paz ante Amics Castelló (96-77), que nos achega ao obxectivo da permanencia e permite seguir mirando cara os postos de playoff.
O primeiro cuarto arrancou con bo ritmo por parte dos locais, cunha defensa intensa e boas transicións que permitiron marcar as primeiras diferenzas. O acerto exterior e a concentración defensiva foron claves para pechar o parcial cun sólido 25-17, mentres a bancada xa comezaba a empurrar con forza.
No segundo cuarto, Castelló tentou entrar no partido con algo máis de fluidez no seu xogo ofensivo, pero o COB mantivo a serenidade e a orde no seu ataque. Cun Diogo Brito que levaba a batuta do equipo sempre ben arroupado polos seus compañeiros. O equipo competía con madurez e lograba marcharse ao descanso con vantaxe (49-38), apoiado por unha afección que non deixou de animar.
Tralo paso polos vestiarios, o partido converteuse nun ida e volta máis aberto. Castelló apertou en ataque, e o COB tivo que espremerse para responder. Brito seguiu asumindo galóns, ben secundado polo traballo colectivo, e o equipo conseguiu manter a renda nun cuarto de moito intercambio (26-24), no que cada canastra se pelexaba como se fose a última. A intensidade seguiu alta e o partido mantíñase moi vivo.
No último período, o Aircargobooking Ourense deu un paso máis en defensa, recuperando sensacións e pechando o encontro con autoridade. O parcial de 21-15 reflicte o control exercido nos minutos finais, con Brito como líder absoluto e o público entregado ao esforzo do equipo. Un triunfo necesario e que, ademáis, de reforzar o camiño cara a salvación, permite seguir soñando coas prazas de playoff.
Agora xa toca pensar no importantísimo partido do próximo venres ante o HLA Alicante
Podes ver a Rolda de prensa de Moncho López a continuación.
Fotos: Carlos Domarco