Charles Barton novo xogador do Aircargobooking Ourense
.jpg)
Desde o Aircargobooking Ourense queremos anunciar a incorporación ao noso equipo do base internacional sueco Charles Barton (1,93 m, 33 anos), que chega para reforzar o vestiario trala desafortunada lesión de longa duración de Javi López, a quen lle enviamos toda a nosa forza e desexamos unha pronta recuperación.
Charles Barton conta cunha ampla experiencia no baloncesto europeo, con traxectoria en ligas como a alemá, sueca, francesa, grega e LEB Ouro, ademais de ser internacional absoluto coa selección de Suecia. Destaca pola súa visión de xogo, capacidade de dirección e carácter competitivo, que estamos seguros encaixará á perfección co noso estilo.
O xogador chegará a Ourense nas próximas horas e mañá comezará a traballar co resto do equipo. Á espera da confirmación por parte da Federación Española de Baloncesto, confiamos en que poida debutar este mércores no importante encontro fronte ao Super Agropal Palencia.
Benvido, Charles!
Moncho López sobre Charles Barton:
“Charles Barton é un xogador formado nun moi bo programa universitario como é Oregon State e ten moita experiencia competitiva en países como Italia, Bélxica e España. Esa bagaxe foi clave para decidirnos pola súa incorporación. Coñece a Primera FEB tras o seu paso polo Gipuzkoa, e nos últimos tres anos xogou no seu país natal, onde é internacional con Suecia. Pode ocupar tanto a posición de base como de escolta, é un excelente manexador de balón con gran capacidá de anotación no xogo de pick and roll e coñecemento do xogo táctico. Foi o mellor pasador da liga sueca, cunha media de 8 asistencias por partido, e conta cun gran rango de tiro exterior. Ademais, polo que falei con el, vén moi motivado, aceptou o reto que temos por diante, xogándonos o acceso ao play-off e tamén o obxectivo de asegurar a permanencia.”
Sobre o estado do equipo, Moncho engadiu:
“Estamos a sufrir unha auténtica onda de lesións, cos nosos dous centers, Marvin Ogunsipe e Romaro Gill, lesionados, aos que se suma tamén Aanen Moody, sen ter certeza aínda de cando poderán volver xogar. Mais a única incorporación posible nesta altura era a dun xogador, e decidimos que fose Charles Barton, na posición de base, xa que o prazo de inscrición xa rematou e o regulamento só nos permite substituir a un lesionado de longa duración, neste caso Javi López.”