Derrota en Gipuzkoa e adeus ao soño do play off

10 de Mayo del 2025
Comparte

O Aircargobooking Ourense pechou este venres a tempada cunha derrota ante o Inveready Gipuzkoa (87-78) que nos deixa ás portas do play off. Foi un encontro competido, no que os nosos loitaron ata o final, pero no que o equipo local soubo manter a vantaxe nos momentos decisivos.

O partido comezou cun ritmo elevado e moita igualdade. Ambos equipos intercambiaron canastras, sen que ningún deles lograse abrir fenda no marcador. Os nosos amosaron bo nivel ofensivo e intensidade atrás, rematando o primeiro cuarto cun axustado 24-23.

No segundo período, os locais conseguiron pequenos parciais que lles permitiron tomar unha leve vantaxe. A pesar dos intentos do Aircargobooking Ourense por manter o pulso. Chegouse ao descanso cun 49-44 favorable ao Gipuzkoa.

Tras o paso polos vestiarios, os nosos saíron decididos a remontar. Mellorou o nivel defensivo e apareceu a garra que nos caracterizou toda a tempada. A pesar de recurtar distancias por momentos, os pequenos detalles volveron xogar na nosa contra, e os locais mantiveron cinco puntos de vantaxe ao final do terceiro cuarto (71-64).

No último período, cada posesión foi unha batalla. O Aircargobooking Ourense seguiu loitando, sen baixar os brazos en ningún momento. Porén, algunhas decisións erradas nun tramo tan decisivo fixeron que a remontada non fose posible. O partido pechouse cun 87-78.

A pesar do resultado, queremos pechar esta tempada cunha mensaxe de agradecemento. Grazas á nosa afección, que estivo sempre ao noso lado, no Paco Paz e tamén fóra del. Grazas polas mensaxes de ánimo, polos cánticos, polas viaxes, por facer deste proxecto algo máis que un equipo: unha familia.

O proxecto do Aircargobooking Ourense continúa. Este ano serviu para consolidar unha base sólida sobre a que seguir medrando. Xa pensamos no futuro, nunha nova tempada na que queremos máis, queremos mellor, e sobre todo... queremos vivilo convosco. Grazas por todo. Seguimos soñando xuntos.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar