O Club Ourense Baloncesto celebra unha xuntanza coas Asociacións para avaliar a tempada

26 de Mayo del 2025
Comparte

Este luns tivo lugar no Pazo dos Deportes Paco Paz a reunión anual entre a Área Social do Club Ourense Baloncesto e representantes de todas as asociacións e entidades coas que se colaborou ao longo da tempada 2024/2025. O obxectivo do encontro foi facer unha valoración conxunta das actividades realizadas durante o ano, detectar puntos de mellora e comezar a trazar as liñas de acción para a vindeira campaña.

Durante a reunión, o club quixo agradecer o compromiso, a participación e a implicación activa de todas as entidades presentes, cuxo traballo é fundamental para seguir fortalecendo o papel do deporte como ferramenta de inclusión, sensibilización e transformación social.

As asociacións asistentes foron: o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, os centros de menores Monteledo, Montefiz e Montealegre, a Asociación Trascos, ONCE, Down Ourense, Aspanas, ADO, APES, Aixiña, Provivenda, Cruz Vermella, Meniños, ACCEM Galicia, APSOU (Asociación de Persoas Xordas de Ourense), o Centro de Transición á Vida Autónoma A Valenzá (Cáritas Ourense), a Fundación Secretariado Xitano, Morea e a Fundación San Rosendo.

Desde o Club Ourense Baloncesto destacamos a riqueza e diversidade das iniciativas levadas a cabo xunto a estas entidades ao longo da tempada: visitas aos adestramentos, partidos inclusivos, actividades educativas, obradoiros e proxectos conxuntos que permitiron tender pontes entre o deporte profesional e os distintos colectivos sociais da provincia.

A Área Social do club continúa así co seu compromiso firme de seguir traballando man a man co tecido asociativo de Ourense, convencidos de que o baloncesto pode e debe ser tamén unha ferramenta de cambio e cohesión social.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar