Isaac Vázquez regresa ao Club Ourense Baloncesto para formar parte do primeiro equipo

O Club Ourense Baloncesto confirma a incorporación ao plantel da tempada 2025/26 de Isaac Vázquez (Ourense, 2004), xogador que regresa á disciplina do COB despois da súa cesión na Cultural y Deportiva Leonesa, onde asinou unha gran campaña na Segunda FEB.
Formado no Bosco Salesianos, Isaac destacou desde as categorías de base como un xogador con carácter, visión de xogo e capacidade para anotar. A súa progresión levouno a debutar na Liga EBA antes de dar o salto ao baloncesto profesional. Na tempada 2024/25 militou na Cultural Leonesa en calidade de cedido, sendo parte fundamental do equipo que disputou os playoffs de ascenso á Primeira FEB.
A pesar de comezar a tempada cunha lesión que o mantivo afastado das pistas durante as primeiras oito xornadas, Vázquez volveu con forza e deixou grandes actuacións ao longo do curso: partidos con dobres díxitos en puntos, boas porcentaxes de tiro e un alto rendemento en minutos clave. A súa combinación de intensidade defensiva, capacidade de dirección e compromiso fixérono destacar nunha categoría moi competitiva.
O seu regreso ao COB supón a incorporación dun xogador ourensán, que coñece o club e a cidade, e que representa á perfección o sentimento de pertenza que queremos transmitir desde a entidade. Con esta incorporación, reforzamos o noso proxecto cun perfil mozo e con ambición de seguir medrando.
AS VERBAS DE MONCHO
Cremos que Isaac xa está preparado para dar o salto á Primeira FEB. Obviamente ten que pasar por un proceso difícil de adaptación pola maior oposición física dos seus adversarios, nun baloncesto coa velocidade de execución maior. O que vemos en Isaac é que é un xogador que pode desenvolver as tres posicións exteriores no noso sistema de xogo, ten moi boa cabeza e intelixencia, pensa como un base, habilidades de escolta e físico de aleiro. Non queremos que nesta primeira tempada xogue un rol muy específico xa que isto podería limitar o seu tempo de xogo polo que lle abrimos esas tres portas sen deixar de lado a súa evolución e co tempo aproximándoo máis a esas posicións máis de 1-2 que será a natural no futuro pero queremos que agora nos axude na rotación de moitos xogadores. O que temos claro é que a súa gran motivación e ética de traballo nos fará mellores no día a día.
Benvido de novo, Isaac.
VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS