O COB impón o seu xogo ante Hestia Menorca e suma unha nova vitoria no Paco Paz

01 de Noviembre del 2025
Comparte

O Club Ourense Baloncesto sumou unha nova vitoria no Paco Paz ao impoñerse por 84–80 a Hestia Menorca nun encontro intenso e moi competido, no que o equipo de Moncho López dominou durante boa parte do partido e soubo manter a calma nos momentos decisivos.

O COB comezou o choque cun gran ritmo e boas sensacións. Gabe Kalscheur asumiu o liderado ofensivo dende o inicio, con sete puntos case consecutivos, mentres Isaac Vázquez e Kingsley Okanu sumaban dende o xogo interior. A defensa ourensá mantivo a Menorca controlada e o primeiro cuarto pechouse con vantaxe local (23–20).

No segundo parcial, o equipo ourensán seguiu mandando grazas ao control de Rafa Lisboa, moi seguro na dirección, e á aparición de Martín Iglesias baixo o aro. O COB moveu ben o balón, atopou boas situacións de tiro e mantivo un ritmo alto en ataque. As canastras de Kalscheur, Smith e Vázquez fixeron medrar a diferenza ata os dez puntos ao descanso (49–39).

Tras o paso por vestiarios, o ritmo baixou lixeiramente, pero o COB soubo manter o control. Romaro Gill impuxo presenza interior, Smith e Kalscheur castigaron dende o perímetro e Isaac Vázquez volveu aportar enerxía e puntos importantes. Pese aos intentos visitantes, o marcador mantívose favorable (67–57) antes do último cuarto. Nos minutos finais, Menorca apertou e chegou a situarse a dous puntos (74–73), o que obrigou a Moncho López a pedir tempo morto.

O COB respondeu con personalidade: Okanu asinou un 2+1 clave, Rafa Lisboa apareceu cun triplo determinante e Kalscheur, dende o tiro libre, asegurou a vitoria. Unha canastra final de Kentwan Smith deixou o 84–80 definitivo no marcador.

Triunfo traballado e de mérito para un COB que segue mostrando un gran nivel no Paco Paz e que afrontará a próxima xornada con confianza e boas sensacións.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho a continuación

Fotos: Brenda Castro

VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar