O Club Ourense Baloncesto recibe ao Grupo Caesa Seguros Cartagena no Paco Paz

A Primeira FEB continúa este sábado ás 19:00 horas no Pazo dos Deportes Paco Paz, onde o Club Ourense Baloncesto recibe ao Grupo Caesa Seguros Cartagena nun novo compromiso ligueiro ante a nosa afección.
O COB chega ao encontro tras a vitoria da pasada xornada fronte ao Hestia Menorca, un triunfo importante que reforza as boas sensacións do equipo cando xoga na casa. De feito, se o equipo logra gañar mañá, sería a cuarta vitoria consecutiva no Paco Paz nesta tempada; e se sumamos as tres últimas da campaña pasada, o Pazo acumularía xa unha serie prolongada sen coñecer a derrota. Un dato que fala do carácter, da identidade e da forza que o equipo atopa arroupado pola súa xente.
Enfronte estará o Grupo Caesa Seguros Cartagena, un rival que, a pesar dos últimos resultados, ten capacidade para competir e poñer en dificultades a calquera equipo. Un partido no que a atención, a intensidade e o control dos detalles serán clave dende o inicio.
O encontro presenta, polo tanto, unha nova oportunidade para seguir medrando, reforzar a solidez na casa e continuar construíndo o camiño xunto á nosa afección.
O obxectivo é claro: queremos máis. Máis esforzo, máis orgullo e máis Pazo.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación:
VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS







