Máis de 50 representantes empresariais arroupan ao COB no seu almorzo do Club de Empresas
O Club Ourense Baloncesto reuniu esta mañá a máis de 50 representantes de empresas e entidades da provincia no almorzo do Club de Empresas, celebrado no Hotel Francisco II. Un encontro que consolida o crecemento do proxecto e reforza a conexión entre o COB e o tecido empresarial ourensán.
Durante a xornada, o club compartiu cos asistentes as liñas estratéxicas da tempada 2025/26, así como novas oportunidades de colaboración orientadas a potenciar o impacto social, deportivo e institucional da entidade.

O presidente do club, Diego Regueira, agradeceu o apoio das empresas presentes e subliñou “a importancia de seguir medrando xuntos cun proxecto sólido, comprometido coa cidade e coa provincia”.

O almorzo tamén serviu como espazo de networking entre as empresas colaboradoras, favorecendo sinerxías e novas relacións profesionais nun clima distendido e de proximidade.
Con iniciativas como esta, o COB pretende fortalecer a súa rede de alianzas e seguir impulsando accións conxuntas que beneficien tanto ao club como ao conxunto da sociedade ourensá.








