Gabe Kalscheur, MVP Estrella Galicia do mes de novembro
A afección cobista escolleu a Gabe Kalscheur como MVP Estrella Galicia do mes de novembro, recoñecendo así o seu excelente rendemento ao longo das últimas xornadas de competición.
O escolta norteamericano foi unha peza clave no funcionamento do equipo, destacando pola súa capacidade anotadora, a súa intensidade defensiva e a súa fiabilidade nos momentos importantes. Nos dez encontros disputados durante o mes, Kalscheur asinou unha media de 13,3 puntos por partido, cun 55,6% en tiros de campo e un 39% desde a liña de tres, ademais dun notable 87,5% en tiros libres. A estes números sumou 1,9 asistencias e 2,7 rebotes, demostrando o seu impacto global no xogo.

Máis alá das estatísticas, Gabe achegou carácter, enerxía e compromiso, converténdose nun dos referentes do equipo neste tramo da tempada.
O xogador quixo agradecer este recoñecemento aos seus compañeiros, ao corpo técnico e á afección cobista polo apoio constante e polos votos recibidos. Parabéns, Gabe, polo teu MVP Estrella Galicia do mes de novembro.








