O COB cae ante o Inveready Gipuzkoa tras remar a contracorrente no Pazo

20 de Diciembre del 2025
Comparte

O Club Ourense Baloncesto non puido sumar a vitoria no Pazo ante o Inveready Gipuzkoa nun encontro no que os visitantes marcaron o ritmo desde os primeiros minutos e souberon xestionar a vantaxe ao longo de todo o partido.

O inicio foi complicado para o COB, cun Gipuzkoa moi sólido atrás e acertado nas primeiras posesións. O parcial inicial obrigou a Moncho López a deter o encontro cedo, pero os visitantes seguiron atopando boas situacións ofensivas, abrindo unha primeira fenda que se consolidou ao remate do primeiro cuarto (12-27).

No segundo parcial o equipo ourensán deu un paso adiante en intensidade e competitividade. Seixas e Sergi Huguet achegaron puntos importantes, Okanu comezou a facerse notar na pintura e o equipo conseguiu mellorar sensacións, aínda que Gipuzkoa mantivo o control do marcador grazas á súa regularidade ofensiva e chegou ao descanso cunha renda clara (33-47).

Tras o paso polos vestiarios, o COB tentou reaccionar apoiándose en Rafa Lisboa, que asumiu galóns en ataque, e nun maior esforzo colectivo. O equipo conseguiu reducir lixeiramente as diferenzas nalgúns momentos, pero cada intento de achegarse foi respondido polo conxunto visitante, que soubo castigar desde distintas posicións e manter a vantaxe ao final do terceiro cuarto (53-66).

No último período, o COB non baixou os brazos e seguiu competindo ata o final, con achegas de Martín Fernández, Romaro Gill e do propio Lisboa, pero Gipuzkoa estivo firme nos momentos decisivos e soubo pechar o encontro sen conceder opcións reais de remontada, deixando o marcador final en 77-89.

Derrota que obriga a seguir traballando e mirando cara adiante, coa vista posta en recuperar boas sensacións e volver á senda do triunfo nos próximos compromisos de liga.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación 

VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS

Fotos: Brenda Castro

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar