O Aircargobooking Ourense cae ante un sólido Alimerka Oviedo

O Aircargobooking Ourense enfrontouse esta noite ao Alimerka Oviedo Baloncesto nun partido que, a pesar dun inicio igualado, acabou decantándose a favor do conxunto asturiano cun marcador final de 78-94.
O primeiro cuarto foi unha declaración de intencións por parte de ambos conxuntos. O Alimerka Oviedo saíu cun ritmo alto en ataque e marcou o ton dende o primeiro minuto. Pola súa banda, o Aircargobooking Ourense non lle perdeu a cara ao partido e atopou vías para anotar, especialmente a través do xogo interior. Con todo, a efectividade do equipo visitante desde a liña de tres permitiulles levar o primeiro parcial cun 22-26.
No segundo período, os de Ourense conseguiron axustar a defensa e frear mellor os ataques asturianos. A intensidade defensiva e a mellora no rebote permitiron que o equipo reducise diferenzas. Os locais conseguiron gañar o cuarto por 22-19, chegando ao descanso cun resultado axustado de 44-45 que deixaba todo por decidir.
Un parcial de 0-8 ao comezo do terceiro cuarto puxo contra as cordas ao Aircargobooking Ourense, obrigando ao adestrador local a parar o partido cun tempo morto. Aínda que o equipo tentou reaccionar, o parcial de 18-25 fixo que os visitantes comezasen a tomar o control do partido e a poñer en apuros ao Aircargobooking Ourense.
Xa no último cuarto, os intentos dos ourensáns por recortar distancias atoparon resposta inmediata no acerto exterior de Menuge (7 de 11) en triples. O desgaste acumulado fixo mella no equipo local, e o Alimerka Oviedo soubo xestionar a vantaxe con intelixencia. Un novo parcial favorable para os asturianos (16-24) sentenciou o encontro cun definitivo 78-94.
Agora, toca levantar a cabeza e centrarse no próximo compromiso do domingo ante Cartagena para seguir loitando por alcanzar os obxectivos da tempada.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación