O Aircargobooking Ourense enfróntase a un dos cocos da liga con baixas importantes

22 de Abril del 2025
Comparte

O Paco Paz acolle este mércores 23 de abril (20:45h) un novo encontro de alta intensidade para o Aircargobooking Ourense, que recibe a visita do Super Agropal Palencia, un dos equipos máis completos e en forma da competición. O conxunto palentino chega á cidade das Burgas cun plantel de auténticas garantías, recheo de experiencia e calidade en todas as posicións, mentres que o equipo ourensán afronta o duelo con numerosas baixas que condicionan a súa rotación.

Non será un reto menor para os de Moncho López que deberán afrontar o partido con coraxe, concentración e moita solidariedade na pista. O Palencia destaca polo seu ritmo alto de xogo, pola súa capacidade de anotación e por unha defensa moi organizada, factores que os converten nun dos candidatos a estar pelexando polo ascenso.

Por parte do Aircargobooking Ourense, a semana non foi doada no plano físico. As ausencias por lesión ou molestias obrigarán a tirar de fondo de armario e de moita implicación por parte de todo o grupo. A pesar diso, o vestiario amosa un espírito combativo e unha mentalidade centrada en dar a sorpresa, especialmente arroupados polo calor da súa afección.

O club chama tamén á resposta da bancada, que unha vez máis será clave para empurrar ao equipo nos momentos de dificultade. O Paco Paz sempre foi un fortín, e mañá será preciso que o siga sendo.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar