O COB presenta a Casa Pransa como a súa nova axencia creativa

O Club Ourense Baloncesto anuncia que Casa Pransa será, a partir desta tempada, a súa nova axencia creativa de referencia, encargada de liderar os proxectos de deseño gráfico e branding do club.
Casa Pransa é unha axencia nada en Ourense no ano 2025, co lema: “Facemos as cousas bonitas. Facemos as cousas ben”. Aínda que é unha empresa de recente creación, a súa vinculación co COB é profunda e consolidada, xa que ao fronte atópase Pablo Álvarez Estévez, colaborador do club desde 2012 e responsable das gráficas e equipacións desde ese ano.
Baixo a súa dirección creativa naceron as equipacións do amargo ano do non ascenso, as edicións especiais de Magosto, Entroido ou Los Suaves, así como campañas sociais como “A cor non importa”, contra o racismo, e as campañas de socios.
Un paso natural con selo ourensán.
Desde o COB valoramos especialmente seguir medrando da man de proxectos locais: “Para nós é un orgullo que unha axencia creativa nacida en Ourense sexa parte esencial da identidade visual do club. Hai talento na nosa cidade, e cremos nel”.
Casa Pransa xa está a traballar no deseño da roupa oficial para a tempada 2025/26, que incluirá dúas equipacións especiais e varias sorpresas para a afección. Ademais, desenvólvese unha liña de merchandising renovada, con produtos máis atractivos e innovadores respecto aos de anos anteriores.
Sentimento de pertenza
Tanto as novas equipacións como os deseños desta tempada terán un enfoque claro: reforzar o sentimento de pertenza e o orgullo de ser de Ourense. Un relato visual pensado para conectar coa cidade, as súas tradicións e a súa xente.
Casa Pransa pode seguirse en Instagram en @casapransa, e moi pronto estrearán a súa web oficial: www.casapransa.com
O traballo da axencia verase moi pronto, tanto na rúa como no Pazo.