O COB reforza o seu Consello de Administración con novas incorporacións

04 de Octubre del 2025
Comparte

O Club Ourense Baloncesto viviu onte un día de cambios importantes. A Asemblea Xeral e Ordinaria celebrada no edificio administrativo da Xunta de Galicia, coñecido como a Casa do Chocolate, serviu para ratificar oficialmente a Diego Regueira como presidente da entidade, cargo que xa viña exercendo dende hai uns meses tras coller o relevo de Eduardo Villar.

Regueira aposta pola continuidade do actual bloque do Consello de Administración, aínda que tamén se produciron novidades. Hugo Iglesias, que formaba parte do órgano directivo, deixa o seu posto por motivos familiares. No seu lugar, o Consello non só mantén forza, senón que gaña músculo coa entrada de tres nomes de peso, aos que se sumarán máis nas vindeiras datas.

Todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade e co respaldo dos principais accionistas. Mais, sen dúbida, o foco estivo posto nos novos reforzos do Consello.

Un deles é o avogado Primitivo Ferro Rivadulla, persoa estreitamente ligada ao deporte galego e con experiencia contrastada tras 17 anos formando parte do Consello de Administración do Celta de Vigo. “É un privilexio que se incorpore ao noso proxecto. Antes mesmo de formar parte oficial xa me transmitiu consellos de gran valor”, destacou Regueira.

Tamén se suma Andrés Rodríguez Gómez, xerente de Viña Costeira e presidente do Clúster Alimentario de Galicia, ademais dun apaixonado do baloncesto. “É unha persoa de referencia na provincia, un líder empresarial e alguén moi vencellado a este deporte”, subliñou o presidente.

O terceiro nome propio é o de David Conde Sayáns, que non puido acudir a Asamblea por motivos laborais. Regueira defíneo como “un emprendedor nato, con coñecementos financeiros de enorme nivel e con experiencia tanto en España coma en proxectos internacionais, pero tamén alguén con verdadeira paixón polo baloncesto”.

O proceso de reforzo do Consello non remata aquí. O presidente deixou claro que o obxectivo é ampliar a estrutura con máis perfís vencellados á cidade e ao deporte: “Se podemos ser vinte persoas, serémolo. E oxalá todos ourensáns e ligados ao baloncesto. En breve incorporaremos unha muller que xa está colaborando activamente, ademais doutras dúas ou tres persoas que xa están en contacto co proxecto”.

Xunto a estas incorporacións, seguen a formar parte do Consello Jorge Ignacio Silva, Camilo Álvarez, Roberto Carnero e Gonzalo Iglesias, mantendo así unha base sólida de continuidade.

VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar