Carta á afección do noso presidente Diego Regueira

04 de Octubre del 2025
Comparte

Querida afección:

Diríxome a ti como un afeccionado máis dos que naceron sendo cobistas. Desde pequeno, este club formou parte da miña vida e resúltame inesquecible o que me facía sentir. Soñaba con igualarnos, de ti a ti, cos grandes. Hoxe, como presidente do club, ese mesmo arrepío ségueme a acompañar.

Crecín escoitando e vivindo as súas historias e sentindo que o baloncesto é moito máis ca un deporte. Para o meu eu neno, o “día do COB” era tradición e familia. O punto de encontro con amigos e familiares. Ir e volver xuntos do Pazo, gozar dun deporte que me encanta e, sobre todo, ver como a afección tamén se convertía en equipo para animar aos nosos ensinoume que, se compartes o camiño, a meta se goza moito máis.

Como xa terás imaxinado, non sinto o COB como un simple club de baloncesto. É moito máis. Recordos clave da miña infancia que agora aprendín a valorar e tento recrear para que os meus fillos teñan tamén a súa propia historia co equipo. Que sintan a emoción en cada canastra, a paixón compartida na bancada e, como non, o espírito de familia que desprende este club. Porque o COB tamén é ourensanía e, a través deste escudo, aprendes a amar aínda máis esta cidade.

Enorgulléceme contarvos que este sentimento do que vos falo é compartido pola actual directiva da que formo parte. Cada unha das persoas que decidimos embarcarnos nesta aventura non só amamos o baloncesto como deporte, senón que amamos Ourense como cidade. Por iso, un dos nosos obxectivos é conseguir que, en cada recuncho, cada colexio e cada barrio se respire baloncesto. Se respire COB.

Esa é a única maneira que entendemos de levar o nome de Ourense máis aló de Galicia. Estamos convencidos de que o deporte é cultura, educación e unha das poucas cousas mediante as que logramos sentir orgullo colectivo, mesmo con persoas coas que nunca nos uniu nada máis.

Para min, o futuro que nos espera está cheo de ilusión e responsabilidade. Son consciente de que formo parte dun importante capítulo na historia do club pola proximidade do seu 50 aniversario. En 2028 celebraremos o medio século do COB e farémolo cun lema que o di todo: “Volveremos e ti xa estabas”. Ao non ser un aniversario máis, non pode celebrarse doutra maneira que non sexa co compromiso de devolver o equipo ao lugar que lle corresponde.

Non se trata só de soñar, aínda que eu sempre fun un soñador. Trátase de traballar para que os plans se cumpran. E si, agora teño o soño de ver como o Club Ourense Baloncesto volve á ACB. Non che falo de que ocorra esta mesma tempada. Pero asegúroche que non é un soño baleiro, nin unha promesa botada ao aire.

Estamos a crear un proxecto con bases sólidas no que xa demos un paso xigante: a renovación do noso adestrador, Moncho López. Estou convencido de que contar con alguén coma el, coa nosa visión, e que representa traballo, confianza e estabilidade, dános unha gran vantaxe. Todos poden ter un adestrador, pero non todos contan cun líder.

Hoxe pídoche que formes parte do meu soño. Non che prometo un camiño doado, pero si un que pagará a pena. Douche a miña palabra de que non se negociará o esforzo, a unidade, o traballo e a constancia. E, para min, poucas cousas son máis importantes ca a palabra dun.

Cóntalle o meu plan a cada amigo/a, parella, veciño/a ou familiar. Cóntallo ao teu fillo ou á túa filla. Transmítelles a todos esta ilusión. A nosa ilusión. Queremos que cada persoa de Ourense saiba que ten un equipo que a representa e se sinta reflectida nos seus valores: sacrificio, humildade, orgullo e paixón. Queremos que calquera, aínda sen ser de aquí, poida sentirse parte deste soño. Porque postos a soñar… soñemos en grande.

Se hoxe me estou dirixindo a ti, afección, é por unha razón ben sinxela: sen vós nada do que facemos tería sentido. Sodes a alma do COB e queremos facer camiño xuntos. A vosa voz, o voso alento e o voso pulo son as claves deste proxecto. O que lle dá forzas. Confía en min cando che digo que este equipo non pertence a unha directiva nin a un grupo de xogadores. O COB é e será de Ourense e de todos os ourensáns e ourensás.

Hoxe pídovos que escribamos xuntos o futuro que merece o noso club. Temos un gran reto por diante, pero a ilusión é aínda máis grande.

Grazas, afección, por facer familia. Grazas por festexar nas boas e non abandonar nas malas. E, sobre todo, grazas por crer que “Volveremos e ti xa estabas”.

Con todo o meu agarimo e compromiso,

Diego González Regueira

Presidente do Club Ourense Baloncesto

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar