O COB estrea o Pazo con triunfo sólido ante o Palmer Basket Mallorca

O Club Ourense Baloncesto iniciou a tempada no Paco Paz da mellor maneira posible: cunha vitoria traballada e coral fronte ao Palmer Basket Mallorca (82–69), na segunda xornada da Primera FEB. A afección respondeu cun gran ambiente nas bancadas e o equipo adestrado por Moncho López puxo a primeira pedra dunha campaña que promete emocións fortes.
O encontro arrincou cun ritmo alto pero tamén con moitos erros en ataque por parte de ambos equipos. As defensas impuxéronse nos primeiros minutos, pero o COB atopou referentes no xogo ofensivo. Carlos Jurgens, moi activo dende o salto inicial, asumiu protagonismo con 7 puntos no primeiro cuarto, mentres que Sergi Huguet e Sean McDonnell sumaban para abrir a primeira fenda (17–9).
No segundo período, os ourensáns seguiron sen excesivo acerto exterior, pero a intensidade no rebote en ataque e as segundas opcións permitiron ampliar a renda. Diogo Seixas e Kingsley Okanu dominaron baixo taboleiros, mentres que Gabe Kalscheur e Kentwan Smith castigaban dende o perímetro. O parcial foi demoledor (22–10) e ao descanso o marcador reflectía un claro 40–25.
Tralo paso polos vestiarios, o conxunto balear mellorou dende a liña de tres puntos e recortou distancias ata situarse a dez (52–42, min. 26). Cando máis preto estaba Palmer, apareceron dúas accións decisivas: dous triplos consecutivos de Kentwan Smith, que devolveron a tranquilidade e volveron colocar a diferenza por riba dos 15 puntos.
O COB entraba no último cuarto con vantaxe clara (63–50). No tramo final, o COB mantivo o control grazas ao acerto exterior. Jurgens, Kalscheur e Smith volveron conectar dende o perímetro, mentres que Rafa Lisboa e McDonnell sumaban dende dentro. A renda chegou a superar os vinte puntos (76–55) antes dun último esforzo visitante que reduciu diferenzas ata o definitivo 82–69.
O equipo de Moncho López arrinca así a súa andaina como local con moi boas sensacións: intensidade defensiva, dominio do rebote e reparto ofensivo. A afección gozou e deixou claro que o Paco Paz seguirá sendo un fortín.
VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación
Fotos: Carlos Domarco