O Aircargobooking Ourense busca a reacción en Cartaxena

O Aircargobooking Ourense afronta este domingo (12:00h) un importante compromiso fronte ao Odilo Cartagena no Palacio de Deportes da cidade murciana. O equipo ourensán busca poñer fin á súa xeira de cinco partidos sen gañar e recuperar as súas mellores sensacións.
Tras unha serie de encontros nos que os resultados non foron os desexados, o conxunto dirixido por Moncho López ten claro cal debe ser o camiño para reverter a situación: intensidade e constancia defensiva. O equipo necesita recuperar a súa identidade sobre a cancha, facéndose forte na súa metade do campo e medrando dende a defensa para mellorar o xogo colectivo.
O Odilo Cartagena, un rival sempre complicado no seu feudo, vén demostrando a súa solidez esta tempada e buscará impor o seu ritmo diante da súa afección. Para o Aircargobooking Ourense, será clave manter a concentración durante os 40 minutos e minimizar os erros que custaron caro en partidos anteriores.
O equipo viaxará con toda a intención de dar un paso adiante e demostrar que está preparado para reverter a dinámica negativa. A entrega e o compromiso serán fundamentais para tentar traer a vitoria de volta a Ourense.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación.