O presidente da Deputación acompaña ó COB na presentación do equipamento oficial para a tempada 14/15

26 de Noviembre del 2014
Comparte

Durante a mañá do martes, o presidente da Deputación, José Manuel Baltar Blanco acudiu, xunto ó responsable de deportes na mesma institución, Bernardino González Vázquez, ó Pazo dos Deportes Paco Paz para presentar o novo equipamento do Club Ourense Baloncesto de cara á tempada 2014/15, o cal incorpora o lema “Ourense, a provincia termal”, unha iniciativa pioneira segundo a que José Manuel Baltar “promoverá a distinción da nosa provincia como un referente singular no ámbito do termalismo”.

O acto, que tiña como principal fin a presentación da camisola oficial serviu, ademais, para referendar as boas relacións entre as institucións, como o presidente Baltar afirmou recordando que “a Deputación de Ourense forma parte do accionariado do COB, polo que estivo, está e estará apoiando a este club”, aproveitando ademais a ocasión para felicitar ó equipo “polos éxitos que están por vir” pois “a traxectoria e as sensacións son inmellorables e esa camiseta, onde vai ese lema que define a esta provincia, será un punto de inflexión histórico” sobre o cal “cada vez que se fale de Ourense” recordaranse as orixes termais.

Ademais, o presidente recoñeceu polo seu pasado “como Presidente do Club Ourense Baloncesto”, saber “as dificultades que supoñen as xestións diarias”, polo cal agradece “o traballo que está a realizar o Consello de Administración así como os profesionais deportivos para levar a imaxe de Ourense por toda España”, nunha liga dura como é “a antecesora da máxima división de baloncesto en España, a LEB Ouro”.

Por último, o presidente Baltar recordou aos medios a subvención nominativa que a Deputación nos concede cada ano, a única na provincia xunto á do rallye de Ourense, pois o resto, “máis do 80% de subvencións van a concurso”, dato que “é o maior entre as deputacións do noso país”, algo que desde o Club Ourense Baloncesto só podemos agradecer, sobre todo nos actuais tempos de crise económica.

Por outra parte, tamén estivo presente no acto o noso presidente Antonio Gavilanes, quen acompañado polo corpo técnico e o plantel cobista afirmou que desde o club se considerou como “necesario que o presidente da Deputación fose o primeiro en facer unha visita”, pois “meréceo como institución e na figura do propio Manuel Baltar”.

O presidente Gavilanes continuou destacando a gran labor da Deputación Provincial, a quen destacou como principal valedora para o futuro, expresando o desexo de devolver esa confianza en forma de bos resultados deportivos.

Aludindo ó lema da camiseta, Gavilanes destacou novamente á Deputación por “desde o primeiro momento brindarse a encauzar este patrocinio”, así como resaltou ó noso club como un medio ideal “para potenciar o termalismo da nosa provincia no territorio nacional”.

Finalmente, o noso presidente entregou unha camiseta ao presidente Baltar, quen destacou en último termo “á Xunta de Galicia, pola súa colaboración para distinguir á provincia de Ourense”.  

Desde o noso punto só queda agradecer novamente, en derradeiro punto, a colaboración da nosa maior accionista, a Deputación Provincial, por continuar apoiando ó Club Ourense Baloncesto nestes tempos difíciles. 

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar