Aanen Moody convértese no sétimo xogador do Club Ourense Baloncesto para a tempada 2024-2025
No día de hoxe o Club Ourense Baloncesto anuncia a fichaxe do escolta americano Aanen Moody proveniente do Montana Grizzlies da NCAA.
Aanen (15 de xaneiro do 1998. Dickinson, Dakota do Norte) cun 1.91, é un escolta cun xogo eléctrico e anotador, sen medo a encarar o aro ou a lanzar dende lonxe en canto se lle da un chisco de espazo.
Xogador moi destacado xa na Secundaria, onde bateu o récord de Dakota do Norte en anotación e en dúas ocasión foi elexido coma mellor xogador do Estado. Nos anos de NCAA seguiu amosando a capacidade de xerar puntos e grazas a esa facilidade anotadora foi un dos tres xogadores capaces de superar os 1.000 puntos en só dúas tempadas no Montana Grizzlies. Neste último ano tivo unhas cifras de 16.8 puntos, 2,3 asistencias e case un 40% en tiros de tres puntos.
Para Moncho López “Aanen é un xogador que encaixa perfectamente no estilo de xogo que desexamos facer en Ourense. Excelente anotador cunha dimensión moi ampla tanto para anotar os seus propios lanzamentos como para aproveitar todo o que as xogadas lle poidan xerar. Moi bo saíndo de bloqueos directos e situación de man a man”.
“Ten una capacidade moi amplia do xogo que lle permite xogar ao pick and roll e xerar ventaxas de xogo para os seus compañeiros. Xogador cunha moi boa carreira universitaria con 26 anos, momento idóneo para unha adecuada adaptación ao baloncesto europeo”.
Aanen convértese así na sétima fichaxe para esta nova tempada. Malia ser a súa primeira experiencia en Europa, pode sacar a personalidade e capacidade de xogo que sabemos que ten e ser unha peza moi importante do noso equipo.
Dende o Clube seguimos a traballar sen descanso na confección dun equipo que ilusione e represente a todos os seareiros.
BENVIDO AANEN!